Álbum debut dun sólido quinteto liderado polo pianista galego Alberto Vilas



Un disco persoal, sereno e sincero que transmite sentimentos 100% naturais

Experianza é un disco persoal, sincero e sentido que nace da vida decantada do pianista de Redondela Alberto Vilas. Unha proposta fresca, con raíces asentadas na tradición galega e frondosas pólas nas que se misturan múltiples sonoridades. Bill Evans, Keith Jarrett, Thelonious Monk… a Experianza de Alberto Vilas medrou alimentada pola forza da música académica, tanto clásica como contemporánea, pero na súa identidade subxace a música americana dos 40, 50 e 60. Un certo tipo de improvisación, de linguaxe, de son. Un swing que o quinteto ao que dá nome matiza con cun toque europeo e, incluso, africano e máis coa influencia decisiva dos seus referentes galegos. Un son tan fresco, tan natural, que medra aínda gravado. Con cada escoita seguen brotando cousas, sen presa pero sen pausa. Sentimentos 0% tranxénicos, 100% naturais.

As once pezas que contén compoñen un organismo vivo, cultivado durante anos polos cinco músicos que lle dan vida sobre os escenarios e gravado finalmente con moito mimo e coidado. “A semente é moi persoal”, recoñece Alberto Vilas, “son cancións que nacen de min, da miña experiencia, da miña maneira de percibir a realidade”. E, neste sentido, hai no disco unha certa nostalxia, un pouso de tristura que non se intentou esconder nin disfrazar. “Non hai que facerlle concesións ás modas, aos preconceptos que existen sobre o que a xente quere oir”, afirma o autor, “e ás veces eu perdo a fe na capacidade da humanidade para mellorar, parece que esteamos condenados a fracasar”. Pero no disco Sobre esa nostalxia, o quinteto constrúe un son cómplice con alento de futuro. Un son decantado lentamente, ao longo de moitos meses de ensaios, de probas, de cambios. Un son no que o perfeccionismo se mestura coa espontaneidade, coa improvisación.

Abe Rábade, director artístico do selo Azos Jazz, destaca a calidade da produción e a profundidade das composicións, de primeirísimo nivel, dun disco que ten vontade de suite episódica. Unha manchea de composicións sensoriais, evocadoras, unidas por un fío conductor que leva suavente ao oínte por entre os distintos temas. Do Experianza que lle dá título ao álbum ao Desterrados, un tema con cinco anos de vida, pasando polas dúas raiolas de esperanza xenuína: Gorm e Nese Intre, que o autor lles dedica aos seus fillos.

Alberto Vilas Quinteto presenta o seu disco debut Experianza cun directo fresco e directo, que promete non deixar a ninguén indiferente. Partindo das composicións do disco e deixándose levar polas variacións inherentes ao jazz, cada interpretación é distinta, cunha marxe moi ampla para a enerxía do momento.

Alberto Vilas Quinteto
Este quinteto de jazz está formado por cinco músicos profesionais procedentes de estilos tan distintos como o blues, o rock, o folk, o funk, a música clásica e o tango, entre outros. Todos eles teñen unha ampla formación en conservatorios e comparten a paixón pola música improvisada, espontánea. Dende hai un par de anos traballan xuntos na busca dunha voz propia que os identifique, explorando novos terreos no campo da creatividade e da innovación, sen deixar de beber das fontes musicais do pasado, do presente e do futuro.

Alberto Vilas (piano)
Estudiou piano e composición no Conservatorio Superior de Música de Vigo e Jazz no Seminario Permanente de Pontevedra, experiencia a partir da cal participou en múltiples seminarios e obradoiros internacionais. Na actualidade é profesor de piano no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra, logo de ter exercido como docente nos Conservatorios de Lugo e Vigo.

Dende moi novo formou parte de varios grupos de rock e é un dos membros máis antigos do cuarteto de tango Tangata, Artigas Anelo, Laura Quintillán e Gustavo A. Barcia, formación ca que ten gravados tres CD´s e coa que ten percorrido toda a xeografía galega e boa parte da de España e Portugal. Tamén gravou o CD  Escenas Latinas a dúo co tubista Eduardo Nogueroles e é autor e intérprete da música dos documentais de Fernando Carreira O imperio Téxtil e Manolo Barros, un Rebelde de Aceiro.

Recibiu clases e consellos de músicos como Perico Sambeat, Miguel Zenón, Jaleel Shaw, Marcus Strickland, Donald Edwards, Walter Smith III, Jonh O¨Gallagher, Alán Ferver, Russ Lossing, Aruán Ortiz, Jonathan Kreisberg, Ambrose Akinmushire, Jonathan Blake, Brannen Temple, Jesús Santandreu, Carlos Barreto, Filipe Melo, Joao Moreira, Mike Moreno, E.J. Strickland, Josh Ginsburg, Lage Lung, Demian Cabaud, Guim G. Balasch, Pablo Martín, Arturo Serra, Logan Richardson, Sam Harris, Tommy Crane, Greg Ruggiero,Taylor Eigsty, ou Joe Sanders, entre outros.
Experianza é o seu debut como compositor.

Felipe Villar (guitarra)
Estudiou guitarra clásica no Conservatorio de Vigo, blues de xeito autodidacta, jazz no Seminario Permanente de Pontevedra e improvisación e armonía na Estudio Escola de Música de Santiago. Asistiu a seminarios e workshops internacionais con músicos de gran prestixio e forma parte de múltiples agrupacións musicais, como o Ten Jazz Men dirixido por Abe Rábade, o grupo de funk vigues Travel Hats ou o cuarteto Jazz Troupe.

Juansy Santomé (contrabaixo)
Comeza tocando en grupos de rock e funk. Estudia baixo eléctrico en Santiago, pero pronto se decanta polo contrabaixo como o seu instrumento principal. Mergúllase no jazz da man de Abe Rábade e Paco Charlín, no Seminario Permanente de Pontevedra. Toca nos principais clubs de jazz e festivais galegos e participa tamén en múltiples seminarios e obradoiros internacionais. Tras unha breve estancia en Nova York, cofundou a Big Hang Live Band, baseada na mestura das tradicións do hip hop e do jazz.

Rosolino Marinello (saxos)
Naceu en Detroit (USA), pero trasladouse con dez anos a Sicilia e foi alí, precisamente, onde arrancaron os seus estudos de saxofón nunha banda de música. Anos despois, comezou a tocar jazz e folk con con conxuntos cos que actuou en Italia,Túnez, Alemania, Holanda e Eslovenia. Estudiou o grao profesional de saxofón clásico en Sicilia e o grao superior de saxofón na especialidade de jazz en Holanda, onde tamén cursou un máster posgrao co profesor John Ruocco. Participou en diversas masterclass e obradoiros internacionais e tocou con múltiples grupos e orquestras europeos, como Sibuli, Klee Quartet, Bitches Brew Project, lapalmá ou Mogambo, chegando incluso a gravar varios discos con algúns deles. É o fundador do grupo Mosaico e colabora, entre outros, con Banda Baliza.

Javier Barral Carro (batería)
Estuda percusión afrocubana con Marcos Varcarcel, flamenco con Luis Castellanos e batería con Ramón Angel. Continúa no Seminario de Jazz Permanente de Pontevedra, con Abe Rábade e Paco Charlín; na escola Estudio en Compostela, con Suso Atanes, Jose Nine e L.A.R. Legido; e en Nova Iorque, con músicos coma Nasheet Waits, Ari Hoenig, Kendrick Scout e Tony Moreno. Tocou en grupos de pop rock , folk e de percusión e foi fundador da primeira asociación de percusionistas en Galicia, Aperta. Actualmente, centra case a súa atención no jazz, participando no cuarteto de Jose Nine, no trío -despois quinteto- Jato Negro, na Jazz Trouppe, no Pablo Seoane Trio e Cuarteto e nun revival do jazz dos anos vinte chamado St. James Street Band.

.


‘ALBERTO VILAS QUINTETO – experianza’.
.1.    Experianza
2.    Oceana
3.    Gorm (a Manu)
4.    Interludio
5.    Barco voador
6.    Gurú
7.    Nexos
8.    Interludio
9.    960 Lúas
10.    Nese Intre (a Iago)
11.    Desterrados
12.    Naquela estrela...ALBERTO VILAS : piano
FELIPE VILLAR : guitar
JAVIER BARRAL : drums
ROSOLINO MARINELO : sax
JUANSY SANTOMÉ : double bass

.
Recorded in Ourense (Auditorio Municipal) on November 29 & 30, 2010 by Pablo Barreiro

Piano Steinway and sons tuned by Tigran Poghosyan Gharibyan

Mastering Engineer: Pablo Barreiro (Radio Galega), April 2011

Design: Falcatruada

Cover picture: Manuel Nantes