“Jazz” implica forzosamente unha concepción aberta das influenzas, procedenzas e destinos da música e dos músicos: AZOS quere ser unha fiestra sen límites ao mundo desde unha óptica galega.

Azos é unha aposta polo jazz vencellado a Galiza. Un selo que nace, baixo a dirección artística de Abe Rábade, para arroupar os novos valores deste xénero no país e para dar conta das colaboracións artísticas entre jazzistas de calquera parte do mundo que teñan Galiza como lugar de encontro. “Jazz implica forzosamente unha concepción aberta das influencias, procedenzas e destinos da música e dos músicos”, asegura Abe Rábade, “Azos quere ser unha fiestra sen límites ao mundo desde unha óptica galega”.

Os obxectivos de Azos son:
1. Arroupar os novos talentos que nos últimos anos están a florecer en Galicia. Non se trata só de instrumentistas dunha enorme calidade, senón tamén de compositores cunha linguaxe e cun discurso propios que constrúen propostas musicais dunha madurez extraordinaria e que, sen embargo, non atopan canles para chegar ao seu público.
2. Dar conta das idas e vidas destes artistas, que co seu traballo e dinamismo convirten Galicia nun dos epicentros do jazz global / internacional. Proxectos puntuais ou de longa duración que unen o talento local co internacional, aquí ou alá, sementando o noso territorio creativo de propostas jazzísticas das máis diversas influencias e procedencias.

As características que definen os discos editados por Azos son:
1. Trátase de traballos feitos sen présa, a modiño
2. Proxectos mimados, ben producidos, cun son moi coidado
3. Álbums con vontade de construir un discurso, contra o que ten de fragmentaria a actualidade musical

O compromiso do editor
Azos é unha colección caprichosa, asegura o deu director artístico. Unha selección parca, apaixoada e consciente que fuxe das présas e do “todo vale” para reivindicar o vello labor do editor, que observa e escolle, segundo un estrito criterio de calidade. Un criterio propio, por suposto. Velaí o compromiso de quen selecciona.

A identidade do selo Azos é a propia identidade do jazz, aquela que Bill Evans viu reflectida no Kind of Blue de Miles Davis como unha arte visual xaponesa consistente en debuxar cun só trazo. Unha arte na que un xesto pouco natural ou interrompido destruiría a obra, na que non está permitido borrar ou cambiar o creado, na as ideas flúen directamente a través das mans, sen preconceptos ou deliberacións.

Azos é unha colección caprichosa, escollida, na que só atoparemos producións musicais moi coidadas, composicións moi persoais que loitan contra o fragmentario, un trazo único e certeiro debuxado sen présa pero sen pausa, dende Galicia para o mundo. E viceversa.

AZOS é un proxecto de Abe Rábade e Sergio Lago

.

Alvaro Vieito Quartet