O debut dun cuarteto internacional

Álvaro Vieito

.

Introducing Álvaro Vieito é o álbum debut do guitarrista e compositor galego do que toma o nome. O d’O Porriño lidera un cuarteto internacional co xaponés Masahiro Yamamoto ao saxo alto, o estadounidense Ross Gallagher ao contrabaixo, e o galego Max Gómez na batería.

Un traballo con temas orixinais que abrangue todos os xéneros que un poda imaxinar: influenzas do folk, do pop e do rock… todo xunto misturado e sazonado co mellor da tradición do jazz americano e interpretado cunha enerxía inusitada no panorama musical actual.

Quen se achegue á música deste orixinal cuarteto descubrirá reminiscenzas de Pat Metheny, Jaco Pastorious e Bob Moses, como en 3 Amigos, respirará o ambiente do Bronx neoiorquino da man de Fordham ou navegará polos acordes máis escuros de Mark Turner, pero sen deixar de lado o vitalismo do Cyclic Episode de Sam Rivers ou a mestizaxe de Espido. De todas esas fontes bebe Álvaro Vieito para a composición dos temas de Introducing… perfectamente executados por unha banda na que os diálogos musicais flúen do mesmo xeito que a espontaneidade que demostran sobre o escenario.


Catro músicos, catro historias_
A historia desta formación, na que conflúen gustos musicais chegados alén do Atlántico e do Pacífico, enténdese no encontro musical entre Santiago de Compostela e Nova Iork. Álvaro e Max coinciden no “Estudio-Escola”, e posteriormente asisten xuntos ao Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra que imparte Abe Rábade.

Cando o primeiro cruza o charco para formarse na New School University coñece a ‘Masa’ e a Ross nas jams que se organizan espontáneamente tralas clases de música. É o momento no que Vieito se dá conta das potencialidades de unilos a todos eles.

A formación académica dos componentes de Introducing… avala a calidade do produto final: na prestixiosa New School University de Nova Iork aprenderon de institucións da música moderna como Rory Stuart, Reggie Workman, Joe Chambers, Johnathan Kreisberg ou Vic Juris. Por se fose pouco, engádese o garante artístico de Abe Rábade, impulsor do jazz en Galicia dos últimos tempos.


A química_
“Desde a primeira vez que os escoitei tocar quedoume moi claro que facían que todo sonase mellor do que eu tería imaxinado cando o compuxen”, afirma Álvaro dos seus compañeiros de formación. E as flores non acaban aí: “Despois de ler a melodía de ‘O mesmo sonho’ un par de veces, Masa fixo dous coros de solo incribles, mentres que Ross posúe unha intuición terrible para saber o tempo e a onda que mellor lle vai a cada tema”. Vieito, con experienza musical en todo tipo de formacións jazzísticas (dúo, trío, cuarteto, quinteto…), nomeadamente nos grupos ‘Hirajoshi’, ‘SEM Bigband’, ‘Xerpo teatro’ e ‘Lobalú’, atopou a terceira pata da formación á volta da Gran Mazá: “Max deixoume impresionado co que gañaban os temas coa súa presenza e tiven claro que el tamén estaría no grupo”.

Esta comprensión musical, unida á boa conexión persoal, faise notar en Introducing Álvaro Vieito, sendo un disco cunha importante compoñente de improvisación e interacción. E só cando se coñecen ben os códigos e as regras dunha linguaxe se permite a transgresión. Ocorre, daquela, a creación artística, a improvisación e o diálogo permanente que estes catro músicos amosan en Introducing… Un disco que fará vibrar a quen o escoite pola súa altísima riqueza e intensidade rítmica.

A gravación_ En setembro de 2009, Ross e Masa pasan por Galiza para realizar unha pequena xira de concertos e gravar nos Boom Studios de Gaia (Portugal) os temas compostos cáseque sobre a marcha por Álvaro Vieito. O resultado é mesturado en Control Z Studios, de Santiago de Compostela, e masterizado en Impact Lab Studios de Barcelona. Introducing Álvaro Vieito está editado e distribuido por Azos Jazz e Nuba-Karonte Records, coa colaboración e a produción artística de Abe Rábade.

.

‘INTRODUCING ÁLVARO VIEITO’.
.
1- ‘Fordham’
2- ‘O Mesmo Sonho’
3- ‘3 Amigos’
4- ‘Rollest Coastest’
5- ‘Eterna Urdime’
6- ‘Seung Yeon’
7- ‘Nexium’
8- ‘Later’
.

ÁLVARO VIEITO: guitar
MASAHIRO YAMAMOTO: alto sax, & soprano (#6)
ROSS GALLAGHER: double bass
MAX GÓMEZ: drums
ABE RÁBADE: piano (#4 & #7) & rhodes (#1 & #7)

Recorded @: Boom Studios (Gaia, Portugal), September 2009

Recording Engineer: Joao Bessa

Mixed @: Control Z Studios, October 2009

Mixing Engineer: Ramón Campos

Mastered @: Impact Mastering Labs (Barcelona), November 2009

Mastering Engineer: Álvaro Balañá

Artistic Production: Abe Rábade

Design: Elba Fernández (falcatruada)

Photography: Miguel Neira

Advertisements